- Ubicación: Illa de Irlanda, Europa.
- Valoración global: ✰✰✰✰
Día 1: Venres.
Finais de novembro. Frío. Saímos de estación de ferrocarril de Ourense con algo de retraso sobre o mediodía. Acompáñanos unha rapaza coa que decidimos compartir mesa para aforrar (Inventos de RENFE). Arrivamos a Chamartín logo de cinco horas e pico de tren; grazas á hora de retraso que acumula o famoso Alvia, logramos que nos devolvan o importe íntegro do billete. Algo máis de 20€. Durmida en Madrid.
Día 2: Sábado.
Madrugar. Taxi ao aeroporto. 18€. Terminal 1. Viaxamos con Ryanair á capital irlandesa. Senón me engano algo menos de dúas horas de voo. Aterrizamos no aeroporto de Dublín a mediodía, unha raiola de sol cólase pola xanela... Incrible. Chocamos coa realidade, fai un frío que corta o alento. Collemos un bus (6€) ao centro de Dublín. Déixanos case na porta do hotel. Gardiner Street, unha rúa chea de hoteis e albergues. A nosa habitación estaba nun baixo, ao cal se accedía por un estreito corredor exterior cheo de sillas. Digamos que lle damos un aprobado xusto, moi xusto. Deixamos as maletas e saímos á aventura. Patear a cidade.
Dublín, con ao redor de medio millón de habitantes, é unha cidade gris, pero acolledora. De edificios de poucas plantas. Rematamos comendo nun McDonalds ao non atopar nada con xeito. Son as 15:30h e xa comeza a escurecer. Saímos na procura da estatua de Mollie Malone, parece ser que xa non se atopa no mesmo sitio, ten novo emprazamento. Dicir que, Mollie Malone é unha estatua dunha muller que vendía mexillons e ameixas, que representa unha famosa canción popular irlandesa. Grafton Street e O'Connell Street son dúas das rúas máis importantes da cidade. Cheas de luces e invitando a mercar. O nadal achégase.
Cansos de andar, diriximos a nosa mente ao Temple Bar, o barrio dos pubs irlandeses por excelencia. É sábado. O ambiente invita a entrar. Un par de pintas (10€) para comezar. A cervexa irlandesa por excelencia, Guinness, entra nos bares en barrís. Son as seis da tarde e xa hai xente ebria pola rúa. Semellounos que os irlandeses gustan ben do alcol. A música en directo nos pubs anima moito a noite dublinesa. Recollemos logo de picar algo. Non vos recomendo Irlanda como país no que comer ben.
![]() |
| Vista nocturna de Dublín |
Día 3: Domingo.
Madrugar. Ducha. Almorzo irlandés. Coma para comer diso todos os días. Bacon, fabas en salsa, salchichas, zume de laranxa e ovo. Moi completiño. Unha bomba que non despertou a fame en min ata as 4 da tarde.
![]() |
| Irish breakfast |
Vagueamos polas rúas de Dublín empapándonos da arquitectura e do urbanismo da cidade. A nosa primeira parada levounos ao Phoenix Park, o pulmón verde de Dublín. De tamaño inmenso e onde te podes atopar cervos, esquíos e outros animais salvaxes. Alí atópase tamén a casa do presidente de Irlanda, o monumento a Wellington (Un obelisco de máis de 60m de altura) ou un zoolóxico. No Museo Irlandés de Arte Moderno, máis tarde, tivemos oportunidade de ver algunhas exposicións curiosas, con imaxes eróticas incluídas.
A seguinte parada levounos á Guinness Store Factory (18€). A fábrica onde se elabora a cervexa máis famosa do país. Xa namáis entrar atópaste coa tenda, non son parvos estes empresarios. A exposición lévate paso a paso por todas as etapas da elaboración da cervexa, historia, publicidade e relación da empresa coa sociedade irlandesa. Unha visita moi recomendable. O mellor dos case 20€ que desembolsas é a pinta que te podes tomar tranquilamente no Gravity Bar. Este bar está no máis alto do edificio, permitíndoche ter unhas vistas de Dublín inmellorables. Iso si, paciencia se te queres sentar.
![]() |
| Vistas dende o Gravity Bar |
Hora de xantar, bueno... case cea. Como vos digo o almorzo fora contundente e xantamos de noite ás cinco da tarde nunha cadea de fast food moi famosa en Irlanda, con decoración estilo anos 50.
![]() | ||
| Pano de papel do restaurante. |
Cansos de andar todo o día dirixímonos ao hotel para ducharnos e descansar un anaco. Non te podes marchar de Dublín sen cruzar a Ha'penny Bridge, unha ponte sobre o río Liffey cuxo nome se traduce ao galego como "Ponte do medio penique"; peaxe que se cobraba por cruzar ata 1919. Xa pola noite, volvemos ao Temple Bar a probar o "Hot Whisky", non sen antes aturar o vacile do camareiro. Pinta tras pinta, tampouco foron tantas pois o presuposto era limitado, a noite foi avanzando e rematamos perdidos e cun vaso na man.
Día 4: Luns.
Madrugón de novo. Autobús a Belfast! Pagáramos unha excursión ao Irlanda do Norte (55€). Aquí quedou máis que patente que precisamos unhas clases máis de inglés. Entre iso e o acento ... Rir por non chorar. Parada nunha área de servizo. Chegamos a Belfast (Reino Unido) e montamos nun taxi negro que nos fixo un percorrido polo muro que separa a cidade católica da protestante. O taxista foinos comentando o conflito ao mesmo tempo que ollabamos o panorama e nos empapabamos do extinto Conflito de Irlanda do Norte (The Troubles).
![]() |
| Murais en Belfast |
Rematamos a visita no Museo do Titanic, non o visitamos porque non o incluía a visita, pero é do máis famoso de Belfast. En 1912 o Titanic zarpou desta cidade camiño da súa perdición.
A seguinte parada levounos a Carrick-a-Rede Rope Bridge, unha ponte colgante empregada por pescadores que se convertiu nunha atracción turística. Cruzar a ponte custa 6 libras. Recordemos que Irlanda do Norte pertence ao Reino Unido e empregan a libra esterlina e non o euro. Houbo quen pagou e quedou sen cruzar por culpa da vertixe.
![]() |
| Carrick - a - Rede Rope Bridge |
Avanzando no día chegamos á Giant's Causeway (Calzada do Xigante), unha formación basáltica Patrimonio da Humanidade. Foi un pouco decepcionante, supoño porque apareceu a chuvia e as expectativas postas no lugar eran altas. A entrada custa 8 libras, pero o que fai a lei, fai a trampa, e podes acceder por un lateral de forma gratuíta. Vamos que se pagas é porque eres vago ou parvo.
![]() |
| Giant's Causeway |
Á hora do xantar pagamos 15 libras por comer isto... Pero estabamos a 3 km da vila de Bushmills e non había moito onde escoller.
Xa en Dublín visitamos un supermercado. E atopamos este produto. Iogures de ruibarbo. Unha pranta moi empregada nos países anglosaxóns para repostería. Ao principio semellan iogures de surimi... Sorprendeunos tamén atopar viño albariño! Iso si, Irlanda é un país caro... coidado co que mercas!
Penúltimo día na Illa Esmeralda. Hoxe non madrugamos. Sen ter moi clara a idea de que íamos a facer, decidimos coller un bus e visitar a unha amiga que vivía en Limerick. Ás 11 da mañá collemos un autobús cara a cidade de Galway. Polo camiño fomos confirmando a idea que viñamos compartindo do día anterior, a paisaxe irlandesa é moi semellante á galega.
Chegamos a Galway ás 3 da tarde. Unha cidade acolledora do tamaño de Pontevedra e onde o espírito do nadal empapaba ata a última esquina. O Spanish Arch é o monumento máis relevante xunto coa catedral católica de San Nicolás. Hai que dicir que os irlandeses saben potenciar moi ben os seus recursos turísticos.
Visitamos tamén o mercado de nadal e tomamos un chocolate quente antes de montar nun tren camiño de Limerick.
Entre tren e tren estivemos unha hora morta na vila de Ennis, para chegar a Limerick ás 11 da noite. Collemos un taxi que nos levou á casa da rapaza que coñeciamos. Logo de parolar con ela das curiosidades de Irlanda, probamos a manteiga local, a realidade é que non sei se era pola fame, pero souponos a gloria. Durmimos pouco.
Día 6: Mércores.
Volta a Dublín. Tiñamos o avión de regreso a Madrid ás 15 horas, polo que nos quedaba unha mañá libre por Baile Atha Cliath (Dublín en gaélico). Paseamos polas rúas máis céntricas ollando o colorido das portas.
Demos tamén unha volta polo museo de historia natural de Irlanda. Cabe dicir que as mentes aprensivas non deben visitar este lugar. Miles de cadáveres de animais disecados invaden as salas do museo.
Trinity College é de obrigada visita na cidade. A universidade máis antiga de Irlanda e unha das máis famosas do mundo, fundada en 1592. Merrion Square é un dos parques máis vivo do centro da urbe, non te vaias sen sacar unha foto con Oscar Wilde.
Dublín ten moitas máis atraccións e monumentos merecedores dunha visita; pero iso será noutra viaxe a terras irlandesas. Deixa sempre algo sen ver para poder volver!
Mercamos algúns souvenires e emprendemos o camiño de volta ao aeroporto. Ás 6 da tarde aterramos en Madrid. Acabábase a nosa experiencia irlandesa!
En resumo xeral, a experiencia foi positiva. Irlanda merece a pena, iso si, volveremos no verán... O frío é mal compañeiro de viaxe!











