lunes, 9 de noviembre de 2015

Os Peares (Galicia)


Os Peares, unha visión decadente da Galicia rural. Abandono e feísmo. 

- Ubicación: Os Peares, Galicia, Spain.
- Valoración global: ✰
Sei que pode resultar un pouco forte comezar unha andaina blogueira de viaxes falando dunha experiencia deprimente. Pero resulta para min interesante dar a coñecer a miña visión sobre esta bucólica paisaxe vida a menos.
Dende a cidade de Ourense, pola N-120, que nos leva pola ribeira do Miño todo o tempo, andamos non máis de 20 km ata chegar á confluencia do Sil co anterior río. Estamos nun día extraordinariamente solleiro e agradábel do mes de novembro.
A desembocadura do Sil no Miño é fronteira natural entre dúas provincias e catro concellos diferentes, se ben o núcleo dos Peares repártese entre os catro municipios. Por unha banda Pantón e Carballedo na provincia de Lugo, A Peroxa e Nogueira de Ramuín en Ourense. O dito di que o Sil leva a auga e o Miño a fama; dános a sensación de que si, o Sil semella que trae máis auga.
A nosa chegada a esta paraxe, despois de deixar a N-120, facémola a través dunha ponte sobre o río Sil que nos deixa na marxe esquerda do río, no concello de Pantón. Para falar dun lugar de relativo interese turísitico, non existe ningunha zona habilitada para deixar o coche e vémonos na obriga de estacionar na marxe da estrada; unha estrada non moi ancha por certo. 
Baixar do coche é dar de bruces coa realidade. Os Peares é unha aldea vida a menos, coma tantas outras no rural galego. Pero no caso desta é aínda peor. O feísmo apodérase do ambiente por todos lados. Somieres cerrando fincas, ladrillo sen revestir, plantas que medran en bidóns cortados ... 
A medida que imos paseando, os nosos ollos énchense de detalles curiosos da arquitectura do lugar, que superan con creces a beleza da paisaxe en si. Amolando a experiencia do viaxeiro. Sinceramente, o feísmo urbanístico da zona non che permite desfrutar da confluencia dos ríos máis importantes de Galicia.
Cruzamos a ponte do tren, que une Ourense con Monforte, e seguimos a percorrer a aldea. É domingo, e a maioría dos negocios hostaleiros están pechados a cal e canto. Hai unha praia fluvial. 
Seguimos unhas indicacións coa finalidade de chegar a un bar e tomar algo tranquilamente. Andamos por unha rúa paralela ás vías do tren, as casas, a maioría abandonadas e en ruínas, fálannos e deixan testemuña de que coñeceron un pasado mellor. O feísmo segue presente. 
A nosa reacción cando chegamos ao bar é de sorpresa. Os carteis indicativos seguen, pero o bar hai máis dun ano que pechou as portas. As silvas empezan a gañar terreo. 
Volvendo sobre os nosos pasos, o solpor abre camiño á noite e conseguimos desfrutar dunha imaxe bonita do lugar.
Por fin, atopamos un bar aberto. Creo que estamos agora no concello de Pantón. Parrillada os Tres Ríos. Esquecéuseme engadir que alén do Miño e o Sil, outro río, do que descoñezo o nome, desemboca na marxe esquerda so Miño antes de que o Sil misture as súas abundantes augas coas do Miño. Volvendo ao bar, por chamarlle dalgún xeito, sentamos na terreza exterior. Onde un parasol corroído nos recibe. 
Pedimos. Intento explicarlle á señora que nos atende o que é unha clara de limón. Non o entende. Pido outra cousa. Non nos pón nada de picar. O noso asombro é maíusculo cando entro no local a mercar unha bolsa de patacas. Por sorte non estaba caducada, pero tiña unha capa de pó enriba que non invitaba ao optimismo. Pero non remataban as sorpresas, non, na mesa, tiñamos materia fecal de roedor. Imaxinade a limpeza...
En resumo, espero poder volver algún día e poder mellorar a experiencia turística con este enclave singular do rural galego. Pero mentres tanto só podo entristecerme da deplorable situación da aldea dos Peares, terra natal do actual presidente da Xunta, que languidece co paso do tempo, a mala praxe urbanística e o despoboamento.

PD. Sinto non poder engadir material gráfico, pero deixei a cámara na casa. Son un desastre.

No hay comentarios:

Publicar un comentario